Friday 17 de May de 2024

O concello saca a licitación a contratación de persoal para os servizos de limpeza de praias e salvamento e socorrismo de Riveira


Coa próxima chegada da estación de verán o Concello xa está inmerso na contratación de persoal específico para atender o servizo de salvamento e socorrismo nas praias do municipio e para a limpeza dos areais.

Neste senso, hoxe comeza o proceso de licitación para a contratación de 20 peóns para a limpeza dos areais durante esta tempada estival e de 3 xefes de praias para o Servizo de Salvamento e Socorrismo, ademais de convocarse igualmente o proceso selectivo para a elaboración dunha listaxe para a cobertura de 35 prazas de socorrista.

Entre persoas desempregadas
Así, polo que respecta aos peóns de limpeza de praias e continuando coa política dos últimos anos, un requisito imprescindible para poder optar a estes postos é o de ser persoa desempregada inscrita no Servizo Público de Emprego de Galicia e levar inscrito un mínimo de 6 meses consecutivos, tanto no momento da selección como da formalización do contrato.

Ademais, cómpre sinalar que debido ás especiais condicións da oferta de emprego, exímese aos candidatos do pago das taxas correspondentes.

A modalidade do contrato é a tempo parcial de 20 horas semanais que se distribuirá de luns a domingo segundo as necesidades e organización. A duración é de dous meses.

Os interesados en presentar as súas solicitudes para concorrer ao proceso selectivo dispoñen de 7 días hábiles. Tal proceso inclúe oposición, concurso de méritos e entrevista.

Polo que respecta ao proceso de contratación de tres xefes de praia, serán por un período de dous meses e dez días, prevéndose o inicio o día 1 de xullo se ben podería adiantarse en función das condicións meteorolóxicas existentes. Por igual motivo, e de existir consignación orzamentaria suficiente, poderá ampliarse a duración dos contratos naqueles areais que se consideren máis necesarios.

Entre os requisitos cómpre ter o título de socorrista acuático e estar inscrito no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes son 10 días naturais e o proceso selectivo é por oposición libre, cun exercicio escrito e outro de actitude física.

Listaxe
Por último, no que atinxe á listaxe de 35 socorristas, as contratacións serán a xornada completa (40 horas semanais) que se prestarán a partir do 1 de xullo durante dous meses e dez días, podendo adiantarse o inicio e ampliarse a duración nos mesmos termos que os indicados respecto aos xefes de praia.

O prazo de solicitude son 10 días e tamén se inclúe unha proba escrita e outra física. De igual xeito cómpre ter o título de socorrista acuático e estar inscrito no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos da Comunidade Autónoma de Galicia.